miércoles, 28 de enero de 2015

ROSALÍA DE CASTRO SERÁ HOMENAXEADA NA CASA DA CULTURA DE BURELA


O Concello organiza este venres, 30 de xaneiro, un acto para celebrar o aniversario do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Está organizado polas Concellerías de Cultura e Muller e dará comezo ás 20.30 horas. A Casa da Cultura acollerá o venres o acto Que bela te deu deus!, co que o Concello quere renderlle homenaxe a Rosalía de Castro, “que aglutina na súa persoa tres características salientables: muller, poetisa e novelista, que escribiu tanto en galgo coma en castelá nunha época, no século XIX, na que non resultaba nada fácil ser muller e moito menos escribir en galego. Por iso, consideramos que esta muller, loitadora e valente, merece a nosa lembranza”, explicaron Mónica Pedre e Diana Durán. 

A soprano Esperanza Iglesias Méndez e Aurelio Chao Fernández ao piano interpretarán Oito cancións sobre poemas de Rosalía de Juan A. Moreno Fuentes, e Seis baladas galegas de Xoán Montes.

As edís populares anunciaron que “ao longo do mes de febreiro, que é cando se celebra o aniversario do seu nacemento, haberá outras actividades en Burela co fin de promover o coñecemento da obra de Rosalía de Castro e o fomento do uso do galego entre os nosos veciños e veciñas, así como da cultura popular”.

martes, 27 de enero de 2015

GONZÁLEZ BARCIA E DURÁN GARCÍA DIN QUE A VISITA DA SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICAS SOCIAIS "DEMOSTRA O COMPROMISO DO GOBERNO GALEGO CO CONCELLO DE BURELA E OS SERVIZOS SOCIAIS"


O alcalde, José Mª González Barcia, e a Concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, fan unha valoración moi positiva da visita que este pasado venres cursou a Burela a Secretaria Xeral de Política Social da Xunta. Coro Piñeiro estivo na residencia da terceira idade, na Fundación Eu Son e reuniuse coa presidenta da AFAN. 
 
O rexedor explicou que “na residencia da terceira idade falamos cos/as traballadores/as, coas persoas responsables da instalación e coñecemos as demandas que teñen para mellorar máis, si cabe, o servizo”. González Barcia lembrou que “no seu momento o goberno bipartito da Xunta acometeu unha reforma, que xa no seu día foi criticada porque non resolvía algúns problemas que tiñan esas instalacións e que co paso do tempo se demostrou que foron perxudiciais. Coro Piñeiro recolleu información para tentar mellorar a calidade asistencial do centro e o Concello ofrécese aos responsables da residencia da terceira idade a poñer en marcha algunha iniciativa que poida servir para mellorar a calidade da estancia das persoas internas”.


Coro Piñeiro tamén visitou os centros ocupacional e de día da Fundación Eu Son. A concelleira, Diana Durán, dixo que “a Xunta está a colaborar todo o que pode coa Fundación Eu Son para que estes dous centros funcionen. E o Concello xa se viu que aposta de forma decidida por estas instalacións. Neste mandato puxemos en marcha o centro de día, algo que levaba agardando desde o ano 2007. Cedémoslle á Fundación Eu Son máis locais para que, cando sexa preciso ou se determine, poida ampliar o seu campo de actividades. E a Xunta reiterou o seu compromiso co centro, compromiso que se concretará en datas próximas”. José Mª González Barcia considera que “en próximas fechas é probable que se produzan boas noticias para este colectivo”. 

Rexedor e concelleira relatoron que “a terceira xuntanza tivémola coa presidenta da Asociación de Enfermos/as de Alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas (AFAN) para informar á Xunta do que están a facer eles e tamén do que se fai por parte do Concello. Esta asociación nace potenciada desde o propio o Concello, fomos os que lles dixemos aos familiares que se organizasen e nós xestionámoslles un local para que poidan reunirse, xestionámoslles apoios e axudas para que poida ser un colectivo forte en canto a asistencia ás persoas enfermas, pero tamén aos/ás coidadores/as porque son os que en boa medida sofren de forma moi directa as consecuencias nefastas desta enfermidade”. A secretaria xeral de Política Social da Xunta comprometeuse “a buscar vías de colaboración coa asociación e co Concello para incrementar o número de actividades para formar ás persoas coidadoras e así axudarlles a esa desconexión co mundo desta enfermidade para poder seguir coidando aos/ás enfermos/as”. 

González Barcia e Diana Durán, engadiron que “a visita de Coro Piñeiro a Burela foi positiva e importante. E demostra o compromiso da Consellería de Traballo e Benestar Social co Concello. As cifras da colaboración falan por sí soas, si se ten en conta a magnitude de cartos chegados a Burela para a formación de persoas de desempregadas e para a realización de obradoiros de emprego”.

O CONCELLO DE BURELA APLICARALLE UNHA BONIFICACIÓN DO 90% NO ICIO Á ASOCIACIÓN CAMIÑA, QUE ACONDICIONARÁ CON FINS SOCIAIS UN LOCAL


O Concello vén de aprobar no último pleno a aplicación dunha bonificación do 90% no imposto de construción, instalación e obras á Camiña-Asociación de discapacitados psíquicos para o acondicionamento dun baixo no nº 9 da rúa Rafael Dieste.
 
A edil de Servizos Sociais, Diana Durán, explica que “Camiña dirixiuse ao noso Concello para solicitar a bonificación do ICIO, conforme ao artigo 9 da ordenanza fiscal, previa declaración de interese municipal por concorrer en circunstancias sociais”.

A concelleira dixo que “o que van crear nese baixo é un centro de ocio para os asociados e asociadas” e lembrou que “este colectivo, que leva anos traballando a prol da discapacidade intelectual, conta con subvención do Concello de Burela e tamén lles cedemos locais na praza de abastos para realizar a súa actividade diaria”. Diana Durán engadiu que “nós entendemos que debemos seguir axudando, na medida das nosas posibilidades, a colectivos e asociacións que agrupen e traballen para facerlles a vida máis doada ás persoas con capacidades diferentes e tamén ás súas familias”.

O CONCELLO DE BURELA INFORMA SOBRE AS SOLICITUDES E AXUDAS DA XUNTA PARA A REDUCCIÓN DE XORNADA LABORAL E AS ANPAS


A concellería de Servizos Sociais de Burela está a colaborar estes días cos veciños e veciñas do municipio en dúas convocatorias de axudas ofertadas pola Xunta de Galicia para o presente ano 2015. A primeira é a destinada a conceder subvencións a asociacións de nais e pais do alumnado pertencente a centros educativos galegos, sostidos con fondos públicos. E a segunda está dirixida a aquelas persoas que contasen, no pasado ano 2014, con redución de xornada laboral nos seus traballos. Nos dous casos, a concellería burelesa ofrece información e axuda aos veciños para poder levar a cabo os trámites necesarios na solicitude destas subvencións. Os/as interesados/as poden coñecer detalladamente estas dúas convocatorias nas oficinas municipais dos Servizos Sociais de Burela, situadas na Casa do Concello e abertas en horario de 8 a 15 horas. O prazo de presentación de solicitudes das dúas convocatorias está aberto ata o vindeiro 20 de febreiro. 
 
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, explicou que “no caso das axudas destinadas ás ANPAS, poderán participar na convocatoria todas as asociacións de centros educativos sostidos con fondos públicos que estean inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. As axudas están destinadas á realización de programas de actividades extraescolares e complementarias, dirixidas a alumn@s de educación infantil, primaria e centros de educación especial que teñan como obxectivo contribuír á conciliación da vida laboral e familiar no curso 2014-2015. Na valoración das solicitudes, tal e como establece a Xunta, primarase a programación de actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a igualdade e a prevención da violencia de xénero”. A contía máxima desta subvención será de 6.000 euros por entidade e o prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 20 de febreiro.

No caso das axudas destinadas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. A edil de Servizos Sociais comentou que “poderán ser beneficiarios dela todos os homes, traballadores por conta allea, que se atopasen en situación de redución de xornada laboral ata o pasado 31 de decembro de 2014. Ademais, tamén o serán todas aquelas familias monoparentais, tanto homes coma mulleres, que se atopen nesta situación. O obxectivo destas axudas é contribuír á conciliación da vida laboral e familiar e impulsar un cambio de roles, implicando aos homes no coidado e atención dos seus fillos e fillas e facilitando o mantemento das traballadoras que teñen responsabilidades familiares no mercado laboral”. A contía destas axudas irá dende os 1.600 ata os 3.600 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada e do número de menores ao cargo. A concesión destas axudas realizarase na modalidade de pagamento único e de forma continuada, tal e como establece a Xunta na correspondente convocatoria. Ao igual que na axuda ás ANPAS, o prazo de solicitude remata o 20 de febreiro.

Diana Durán, animou ás persoas interesadas “a achegarse ata os Servizos Sociais do Concello para coñecer máis polo miúdo estas convocatorias e contar coa axuda dos nosos técnicos municipais á hora de facer os trámites que precisen”.

lunes, 26 de enero de 2015

AS CLASES DA ESCOLA DE COLUMNA E XIMNASIA PREVENTIVA DERON COMEZO EN BURELA


O salón de plenos do Concello acolleu este mes a presentación da escola de columna e do curso de ximnasia preventiva. 

A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Diana Durán, amosouse moi satisfeita pola acollida que tiveron ambas actividades, que se reanudarán a vindeira semana.
 
Os horarios nos que se levarán a cabo as clases da escola de columna serán os luns ás 15.30 e ás 16.30 horas; os martes ás 09.00, ás 10.00 e ás 11.00; os mércores ás 19.00 e ás 20.00 horas e os venres ás 09.00, ás 10.00 e ás 11.00 da mañá. No caso da ximnasia preventiva, as clases impartiranse os luns e xoves ás 09.00, ás 10.00 e ás 11.00 horas. A escola de columna impartirase na aula de familia da Casa da Cultura e a ximnasia preventiva na praza de abastos. 

En total 180 persoas se beneficiarán destas actividades organizadas pola Concellería de Servizos Sociais e Sanidade de Burela. 


¡¡ANÍMATE E PARTICIPA NESTES OBRADOIROS!! :))

DIANA DURÁN FAI UN BALANCE MOI POSITIVO DA ATENCIÓN QUE PRESTA O CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES DE BURELA


O Centro de Informacións ás Mulleres do Concello burelés rexistrou o ano pasado 895 consultas, segundo se recolle na súa memoria presentada pola concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán. Desas preto de novecentas consultas 543 foron asesoramentos xurídicos, 134 corresponderon a información sobre recursos e 113 foron atención a vítimas de violencia de xénero.

Segundo subliña a edil popular “durante o ano 2014 veuse incrementada a subvención concedida pola Secretaría Xeral da Igualdade de 45.000 euros, (que era o tope para Concellos que traballaban de forma independente) a 65.000 euros (qué o que reciben as agrupacións de Concellos). Iso foi así grazas ao convenio de colaboración asinado cos Concellos veciños de Alfoz, Cervo e O Valadouro aos que lles estamos moi agradecidos, xa que temos un número importante de veciñas dos seus municipios que son atendidas polo CIM de Burela”. Diana Durán engade que “desta forma púidose reforzar a atención do CIM, o que permite prestar atención psicolóxica a un maior número de mulleres e con máis continuidade, de forma que a atención repercute positivamente na calidade de atención ás usuarias. Así mesmo, non podemos esquecernos do tecido asociativo, co que se traballa man a man con dous claros obxectivos: a consecución real e efectiva da igualdade entre mulleres e homes e a erradicación da violencia de xénero”.

Ao longo do pasado 2014 centos de mulleres participaron nas diferentes actividades organizadas polo CIM burelés. Moitas foron as que acudiron aos cursos de manualidades, bordado e bolillos, ao curso de bailes de salón e ao taller de risoterapia. Ademais tiveron lugar en Burela varios cursos de formación para mulleres: un sobre marca persoal, un sobre creación e outro de fotografía, así coma a proxección de varias películas e documentais sobre a violencia de xénero e outras actividades encamiñadas a erradicar esta lacra social tanto na poboación adulta coma na xuventude. Durán amósase satisfeita pola acollida “que tiveron as nosas propostas entre as mulleres de Burela e dos concellos veciños. Nós seguimos apostando pola igualdade e polos servizos sociais e nese sentido seguiremos a traballar ao longo dos vindeiros meses”.

COMEZO DUN NOVO OBRADOIRO DE RISOTERAPIA EN BURELA ATA MAIO

En total son 20 as prazas que se ofertan para o obradoiro de RISOTERAPIA, que se impartirá de xaneiro ata maio na Aula de Familia da Casa da Cultura, segundo informa Diana Durán. 

BURELA TRAMITA INSCRICIÓNS DE PENSIONISTAS PARA PARTICIPAR NO NOVO PROGRAMA DE TERMALISMO SOCIAL DO IMSERSO PARA O 2015


A Concellería de Servizos Sociais tramita as inscricións para anotarse no novo programa de Termalismo Social do Imserso para este ano 2015. Os interesados deberán dirixirse aos Servizos Sociais do Concello para realizar as súas solicitudes.
 
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán García, aclarou que “os requisitos para poder solicitar a inscrición neste programa termal son: ser pensionista da Seguridade Social polos conceptos de xubilación ou invalidez e polo concepto de viuvez ou doutras pensións cando o solicitante teña os 60 anos de idade cumpridos. Ademais, deberán ser persoas que non padezan trastornos mentais graves, nin enfermidades infecto – contaxiosas, e que poidan valerse por si mesmas para as actividades da vida diaria. Os solicitantes poderán ir acompañados dos seus cónxuxes, sen que a estes se lles esixan tamén requisitos de pensión e idade. Dende a Concellería de Servizos Sociais animamos a todos os interesados a que acudan ás nosas oficinas a informarse e realizar os trámites necesarios para solicitar a participación neste programa de Termalismo Social do Imserso.”


OS BAILES DE SALÓN QUE ORGANIZA O CONCELLO DE BURELA DERON COMEZO


O Concello iniciou o obradoiro de Bailes de Salón o pasado 20 de xaneiro, segundo lembra Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais, quen explicou que “ante a boa acollida e a demanda de continuidade por parte das persoas asistentes á actividade denominada Bailes de Salón, esta vaise prolongar durante o ano 2015, nunha primeira quenda dende o 20 de xaneiro ata o 26 de maio. Seguiremos contando con Dimas (Goldance), titulado profesional de baile deportivo e competición, máxima categoría de competición a nivel español e internacional como bailarín e máxima titulación de profesión de baile(Federación Española de Baile Deportivo en colaboración co Consello Superior de Deportes e o Comité Olímpico Español)”.
 
Durán dixo que “as persoas que non estean a participar nesta actividade, pero que desexen facelo agora deben achegarse ao Centro de Información ás Mulleres en horario de 8:00 a 15:00 para coñecer si queda algunha praza libre nalgúns dos seguintes turnos: 1º turno de 18: 45 a 20:00 horas, 2º turno de 20:00 a 21:15 horas e 3º turno de 21:15 a 22:30 horas”. 

O día de realización desta actividade seguirá sendo os martes.O 20 de xaneiro de 2015 deron comezo os Bailes de Salón e a presentación tivo lugar na mesma na propia praza de abastos, que é onde se desenvolve a actividade. Para calquera información e/ou aclaración, as/os interesadas/os, poden chamar ao seguinte número de teléfono 982 58 06 09 ou achegarse ás oficinas de información do Concello.

viernes, 26 de diciembre de 2014

DIANA DURÁN CELEBRA O NADAL COA FUNDACIÓN EU SON NA SÚA XORNADA DE PORTAS ABERTAS


FELICES FESTAS DE NADAL A TODAS AS PERSOAS USUARIAS DA FUNDACIÓN EU SON, AOS SEUS FAMILIARES E AO EQUIPO TERAPÉUTICO E DIRECCIÓN DO CENTRO OCUPACIONAL E DO CENTRO DE DÍA DE DISCAPACIDADE INTELECTUAL.

QUE O ANO NOVO VEÑA CARGADO DE 2015 BOAS NOVAS PARA TODOS E TODAS!!!

lunes, 22 de diciembre de 2014

MAIS DE 100 PERSOAS SE PREINSCRIBIRON NA ESCOLA DE COLUMNA DO DR. KNAPP E 80 EN XIMNASIA PREVENTIVA PARA MAIORES


Desde o vindeiro este luns, 22 de decembro, e ata o 5 de xaneiro estará aberto o prazo para formalizar a matrícula na ximnasia preventiva de maiores, na fisioterapia con atención domiciliaria e na escola de columna do Dr.Knapp.

A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, subliña que “só poderán facer esta xestión aquelas persoas que se preinscribiran no prazo aberto entre os pasados días 2 e 16 de decembro". 
A edil popular indicou que “este ano contarase con 6 grupos de ximnasia preventiva e 10 de escola de columna posto que a demanda é tan grande que quedaba mais xente en lista de agarda que beneficiándose do programa. É por iso que este equipo de goberno segue apostando polos servizos sociais de calidade para que, como é neste caso, todos os seus veciños e veciñas gocen dunha vida o mais saudable posible, facilitándolles por unha banda un envellecemento activo coa ximnasia preventiva e, por outra, a través de escola de columna e seguindo o método do Dr. Knapp, conseguir aliviar as dores do noso eixo vertebral co fin de evitar intervencións cirúrxicas naqueles casos mais graves e noutros casos educar a columna para evitar futuras lesións, facendo tanto unha función de prevención como de rehabilitación”.

Durán engadiu que “dende esta Concellería valorouse facer unha previa preinscrición co fin de que ninguén quedara sen o servizo, debido ao gran éxito do programa. De feito, para ximnasia preventiva están preinscritas 80 persoas e para escola de columna supérase a centena. Si alguén non fixo a preinscrición e está interesado/a nestes programas, que non deixe de pasarse polas oficinas de información e tentarase buscar unha solución, xa que hai a posibilidade de entrar nalgún grupo en concreto, pois o resto de quendas xa están sobresaturadas”.

O RESPETO E A IGUALDADE SON OS PILARES PARA ACADAR UN MUNDO MELLOR. Feliz Nadal e Próspero 2015!!

Por todo un ano de colaboración e apoio comprácenos poder achegarvos a nosa felicitación de Nadal.
Felices Festas!

Diana Durán García
Concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade 
do Concello de Burela


lunes, 3 de noviembre de 2014

O DÍA DE "TODOS OS SANTOS", SERVIZOS SOCIAIS BURELA ACOMPAÑA AOS FAMILIARES DOS NÁUFRAGOS DO MAR NA OFRENDA FLORAL, PARA RECORDALOS E RENDIRLLES O TRIBUTO QUE SE MERECEN. DEP.


NÁUFRAGO…

¿No has encontrado mis ojos en el reflejo

del danzar de las olas que te mecen?
¿No has sentido mis manos recorrerte
en la caricia del viento allí en tu balsa?

¿En tus noches de vacío y desazón,
no has sentido mi voz en el arrullo
de las olas que traen y se llevan
esos versos que dejaste en el tintero?

¿Es qué acaso tu piel ha endurecido
de tanto vagar en soledad?
¿Es que acaso el corazón se te ha perdido
entre la marea y el viento que te arrastran?

Vuelve náufrago… a nuestras noches
de loca bohemia, locura y fuego,
de cantar de tus versos y estos míos
que se consumen de amor ante tus ojos.



(BITÁCORA DE LAURA DEL MAR)

BURELA INCREMENTOU NUN 35% O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR NOS ÚLTIMOS 3 ANOS

O servizo de axuda no fogar de Burela incrementouse paulatinamente ao longo dos tres anos de mandato, do PP á fronte do Concello, tanto na modalidade de libre concorrencia como na de dependencia. A edil popular, Diana Durán, explicou que “no caso de SAF-libre Concorrencia estase a prestar un 20% mais de casos que no ano 2011, pois concretamente pasouse de 38 persoas usuarias a 47 a día de hoxe. No caso de SAF-dependencia as horas que se prestaban co goberno do bipartito eran 992 mensuais, e actualmente préstanse 1.503 horas ao mes, o que supón unha atención directa a persoas valoradas con grao de dependencia e con PIA (Programa Individual de Atención) resolto da Xunta de Galicia nun total de 18.036 horas anuais, diante das 11.904 horas anuais que se prestaban cando este equipo chegou ao goberno. É dicir, ao longo destes últimos tres anos o goberno actual, a través da Concellería de Servizos Sociais, conseguiu incrementar nun 35% o servizo, co aumento de nada mais e nada menos de 6.132 horas ao ano, reforzando así a atención directa a aquelas persoas con mais vulnerabilidade, que neste caso son as persoas con dependencia”. 

A concelleira de Servizos Sociais sinala que “cabe ter en conta que este aspecto do notable incremento de horas do SAF tamén reverte nos propios familiares coidadores, pois son xunto coas persoas dependentes, os que sofren esta delicada situación e, polo tanto, axúdaselles así a aliviar un pouco máis a situación e se axuda a conciliar a vida laboral e familiar, ao mesmo tempo que tampouco debemos esquecernos de que se favorece o aspecto laboral, pois cantas mais persoas poidan ser atendidas maior número de postos de traballo de auxiliares de axuda no fogar se están a crear para poder atender todos estes casos aos que na actualidade da cobertura o Concello de Burela”.

A edil popular indica que “tal e como sempre se demostrou, unha vez mais este equipo de goberno aposta en firme polos servizos sociais, pois a ampliación progresiva do servizo de axuda no fogar (SAF) ás persoas en situación de dependencia, así como ás familias con problemas de integración social ou laboral e outros colectivos con necesidades específicas, son firmemente prioritarias á hora de prever o gasto social, xa que o SAF na modalidade de libre concorrencia está orzamentado para este ano 2014 con 51.628 euros e o orzamento total para afrontar o servizo de SAF na súa modalidade de dependencia ascende a un total de 216.000 euros para o ano 2014.Son casi uns 270.000 euros os cartos asignados ao SAF en total, e é nesta liña na que se seguirán priorizando e reforzando a prestación básica de axuda no fogar, xunto a outros colectivos con necesidades específicas por parte do equipo de goberno de cara ao ano 2015, co fin de que as persoas veciñas de Burela estean atendidas cun servizo eficaz e de calidade”.

viernes, 31 de octubre de 2014

CASTING PARA A XUVENTUDE DE BURELA PARA PARTICIPAR NUNHA CURTAMETRAXE POLA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES E CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


O CONCELLO DE BURELA RODARÁ UNHA CURTAMETRAXE COA XUVENTUDE DO POBO SOBRE IGUALDADE E PREVENCIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO

O Centro de Información ás Mulleres, dependente da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade convoca para o vindeiro mércores, 5 de novembro, un casting dirixido aos adolescentes que queiran participar na gravación dunha curtametraxe sobre igualdade e prevención de violencia de xénero. A proba levarase a cabo a partir das 17.00 horas no Auditorio da Casa da Cultura de Burela e nela poderán participar tódolos mozos e mozas que se atopen actualmente cursando estudos nalgún dos IES do municipio. Os/as interesados/as poden recibir máis información acudindo á sede do Centro de Información á Muller, en horario de 8 a 15:15 horas. Para participar na proba de selección será imprescindible que os menores de idade presenten unha autorización de consentimento firmada polos seus titores legais. 
 
A concelleira de Servizos Sociais de Burela, Diana Durán, explicou que “dentro do abano de actividades que o CIM está a levar a cabo nos últimos meses, tales coma o curso de fotografía, o de formación para a creatividade ou a proxección e masterclass do documental Muller(es)Muller, actividades todas elas pertencentes ao programa Burela en Igualdade: Prevención, Sensibilización e Concienciación, seguimos a traballar de cara á promoción da igualdade entre mulleres e homes e da prevención e tratamento integral da violencia de xénero. E é por este motivo que queremos invitar á xuventude do noso pobo a participar nunha curtametraxe, co fin de acercar á mocidade a unha actividade que lles resulte atractiva, dotándoa de ferramentas que lles permitan afrontar a situación de desigualdade que aínda estamos a sufrir, previndo así a violencia de xénero dende idades temperás. Na actividade serán empregados elementos do seu entorno diario que permitan reflexionar sobre igualdade e violencia de xénero”.

A concelleira indicou que “dende o Concello convocamos a tódolos mozos e mozas a acudir o vindeiro 5 de novembro ao Auditorio da Casa de Cultura para participar no casting e optar a formar parte do documental. Unha vez que estea gravado estrearémolo de forma aberta a todo o público. Posteriormente, organizaremos ademais varios obradoiros sobre igualdade e prevención de violencia de xénero con adolescentes, xa que a propia proxección da curtametraxe servirá de motivación para organizar un debate dirixido por profesionais”. E engadiu: “en definitiva queremos ofrecer ferramentas innovadoras e atractivas que axuden a mudar a situación de desigualdade actual. Así coma promover unha actitude loitadora mediante a cal busquemos alternativas á situación de desigualdade que aínda vivimos entre mulleres e homes. Dende o Concello desexamos que todas estas accións divulgativas e de sensibilización sexan de interese para a sociedade en xeral, e neste caso para a mocidade en particular.”

CURSO DE FORMACIÓN PARA MULLERES: CREATIVIDADE