O servizo de axuda no fogar de
Burela incrementouse paulatinamente ao longo dos tres anos de mandato,
do PP á fronte do Concello, tanto na modalidade de libre concorrencia
como na de dependencia. A edil popular, Diana Durán, explicou que “no caso de SAF-libre Concorrencia estase
a prestar un 20% mais de casos que no ano 2011, pois concretamente
pasouse de 38 persoas usuarias a 47 a día de hoxe. No caso de
SAF-dependencia as horas que se prestaban co goberno do bipartito eran
992 mensuais, e actualmente préstanse 1.503 horas ao mes, o que supón
unha atención directa a persoas valoradas con grao de dependencia e con
PIA (Programa Individual de Atención) resolto da Xunta de Galicia nun
total de 18.036 horas anuais, diante das 11.904 horas anuais que se
prestaban cando este equipo chegou ao goberno. É dicir, ao longo destes
últimos tres anos o goberno actual, a través da Concellería de
Servizos Sociais, conseguiu incrementar nun 35% o servizo, co aumento de
nada mais e nada menos de 6.132 horas ao ano, reforzando así a atención
directa a aquelas persoas con mais vulnerabilidade, que neste caso son
as persoas con dependencia”.
A concelleira de Servizos Sociais sinala que “cabe ter en conta que
este aspecto do notable incremento de horas do SAF tamén reverte nos
propios familiares coidadores, pois son xunto coas persoas dependentes,
os que sofren esta delicada situación e, polo tanto, axúdaselles así a
aliviar un pouco máis a situación e se axuda a conciliar a vida laboral e
familiar, ao mesmo tempo que tampouco debemos esquecernos de que se
favorece o aspecto laboral, pois cantas mais persoas poidan ser
atendidas maior número de postos de traballo de auxiliares de axuda no
fogar se están a crear para poder atender todos estes casos aos que na
actualidade da cobertura o Concello de Burela”.
A edil popular indica que “tal e como sempre se demostrou, unha vez
mais este equipo de goberno aposta en firme polos servizos sociais, pois
a ampliación progresiva do servizo de axuda no fogar (SAF) ás persoas
en situación de dependencia, así como ás familias con problemas de
integración social ou laboral e outros colectivos con necesidades
específicas, son firmemente prioritarias á hora de prever o gasto
social, xa que o SAF na modalidade de libre concorrencia está
orzamentado para este ano 2014 con 51.628 euros e o orzamento total para
afrontar o servizo de SAF na súa modalidade de dependencia ascende a un
total de 216.000 euros para o ano 2014.Son casi uns 270.000 euros os
cartos asignados ao SAF en total, e é nesta liña na que se seguirán
priorizando e reforzando a prestación básica de axuda no fogar, xunto a
outros colectivos con necesidades específicas por parte do equipo de
goberno de cara ao ano 2015, co fin de que as persoas veciñas de Burela
estean atendidas cun servizo eficaz e de calidade”.