lunes, 19 de mayo de 2014

O GOBERNO BURELÉS ULTIMA A AMPLIACIÓN DO CENTRO DE DÍA PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL

O Equipo de Goberno levará a unha das vindeiras sesións plenarias a ampliación das instalacións da FUNDACIÓN EU SON, segundo a concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán. 
 
A edil popular lembrou que “a petición da propia Fundación Eu Son o Concello está estudando a posibilidade de ampliar as instalacións do centro de día para persoas con discapacidade intelectual. Pero nin a Fundación nin o Concello temos suficientes recursos económicos para proceder a unha ampliación, que nosoutros en principio consideramos positiva e polo tanto propuxémoslle hai uns días no encontro que mantivemos en Compostela coa Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ver as posibles vías de colaboración entre o seu departamento, o Concello e a Fundación Eu Son para poder levar a cabo esa ampliación”.

Diana Durán subliñou que “seguimos a traballar nesta liña, estudando cómo podemos levar adiante esa ampliación, tanto a do centro de día coma a do centro de formación ocupación da Fundación Eu Son. Trátase dun servizo que se presta a nivel comarcal, que ten moitas persoas usuarias da Mariña e tamén de Burela, e necesitamos seguir mellorándoo. Todo o que consigamos será beneficioso tanto para a calidade do servizo que se presta, coma para as persoas beneficiarias e os/as profesionais que traballan nos dous centros da Fundación Eu Son”. 

Hai que lembrar que hai uns días, o Alcalde, José González Barcia, aludía á intención do Equipo de Goberno de retomar un antigo proxecto para tentar construír en Burela unha residencia para persoas con discapacidade intelectual. A obra será moi custosa, pero “o obxectivo é empezar a mover tamén este asunto”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario